📖🐞🌼🌸💜 MARZO, MES DA MULLER, DA PRIMAVERA E DA POESÍA NA BIBLIOTECA ORTEGAL 💜🌸🌼🐞📖
Marzo está sendo un mes cheíño de actividades na Biblio. É o mes da Muller e das reivindicacións, pero tamén da natureza, das flores e da Poesía. Pouco a pouco irémosvos amosando a través deste blog e das nosas redes socias o que imos facendo. Hoxe queremos ensinarvos os proxectos nos que estivemos traballando nas últimas semanas arredor da conmemoración do 8M:
Inauguración do mural do Recuncho Violeta:
O curso pasado na Biblio comezamos a crear o noso "Recuncho Violeta", un espazo destinado a acoller fondos sobre feminismo e mulleres. Comezamos a seleccionar as obras que formarían parte desta sección e a decorar o espazo, pero o noso proxecto quedou inacabado por mor da suspensión das clases. Este curso continuamos traballando neste proxecto. Nos últimos meses fomos aumentando os fondos con novos títulos e neste mes de maio, con motivo do Día da Muller, inauguramos un mural conmemorativo. Grazas, Elena e Ana, por deseñar unha obra tan chula para a nosa Biblio!
Pica aquí se queres ver o vídeo resumo da elaboración deste mural.
Traballo sobre a presenza das mulleres no rueiro cariñés elaborado polo alumnado de ITI: "Igualdade de xénero nas rúas de Cariño?":
O alumnado de 1º ESO que cursa a materia de Investigación e Tratamento da Información realizou, dirixido pola súa profesora Marián, un traballo no que analizou o rueiro de Cariño para comprobar se existe igualdade entre homes e mulleres á hora de escoller os persoeiros que dan nome ás nosas rúas. Primeiramente, buscaron no rueiro da vila as rúas que levaban nome de persoas e indagaron sobre a procedencia, época e actividade de cada unha delas para coñecer a relevancia destas figuras e o motivo polo que se escolleron. A continuación, fixeron unha análise comparativa entre sexos, da que obtiveron o seguinte resultado: fronte ás dezaoito rúas con nomes masculinos, só tres levan nome de muller. Investigaron a vida destas tres mulleres (Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal) para coñecer máis sobre elas. Logo, plasmaron os resultados do seu traballo nun mural no que visibilizaron esta desigualdade entre homes e mulleres a través dunha balanza desequilibrada coas fotos das placas das rúas que elxs mesmxs realizaron. Finalmente, fixeron unha posta en común e unha reflexión sobre os motivos desta desigualdade.
Gravación dun programa de radio:
Co motivo do 8M, un pequeno grupo de alumnado de 2º ESO gravou o primeiro podcast do curso na nosa emisora escolar, ForzaOito. No programa conversaron sobre o Día da Muller e sobre as desigualdades que aínda existen. Agardamos poder ensinarvos proximamente o programa completo. De momento xa está dispoñible na nosa conta de Ivoox un adianto desta experiencia, que esperemos que marque o inicio dunha nova etapa da nosa radio escolar.
Entrega de premios do concurso do 11F:
Por último, no marco deste Mes da Muller, tivo lugar a entrega de premios do xogo de pistas Ciencia en Feminino, organizado polo Club de Ciencias, a Biblioteca e o EDLG co gallo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Deixámosvos unhas imaxes:
Mais, como vos diciamos no comezo, marzo é tamén o mes da poesía e da primavera e iso comeza a notarse na Biblio. O alumnado de varios cursos da ESO realizou un obradoiro de papiroflexia no que aprenderon a elaborar bolboretas de papel coas que a iremos decorando. Velaquí a obra da rapazada de 1º ESO. Son ou non son uns artistas?
Deica daquela!
Ningún comentario:
Publicar un comentario