Os Equipos de Dinamización da Lingua Galega do IES Cabo Ortegal, do IES Pedro Floriani (Redondela) e do IES Mendiño (Redondela), en colaboración coa Biblioteca Escolar do IES Cabo Ortegal e co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, convocan conxuntamente a V edición do Certame de microrrelato e fotografía Exeria, destinado a todo o alumnado dos tres centros organizadores.
A temática proposta para esta quinta edición é o teatro. Escribir microrrelatos sobre o teatro é como levantar o pano da imaxinación en poucos trazos. Non necesitas toda a historia; basta cunha escena, un instante fugaz no que os personaxes vibran, senten e revelan o universo nun amén. Que pensa o actor xusto antes de saír a escena? Que segredo gardan as luces apagadas? Que pensamentos cruzan a mente do director mentres observa a súa obra cobrar vida? Cada microrrelato é unha oportunidade de dar vida a estes misterios e de facer que o lector se sinta parte do espectáculo. Atrévete a escribir, porque no teatro e no microrrelato, menos é máis: é a arte de suxerir e de seducir, de convidar o lector a imaxinar o que ocorre fóra das palabras. A túa historia, nunhas poucas liñas, pode ser un escenario no que cada frase cobra vida. Escribe, crea e que o pano das túas palabras se abra ao mundo!
Os traballos deberán remitirse ó enderezo edlg.caboortegal@gmail.com. O prazo de presentación é do 27 de xaneiro ó 14 de febreiro de 2025.
Pica aquí para acceder ás bases completas do certame.
Ningún comentario:
Publicar un comentario