Ulises chega ao galego
CATRO TRADUTORES SACARON ADIANTE A
COMPLEXA TRANSLACIÓN DA NOVELA REFERENCIAL DE JOYCE
A obra máis universal do escritor
irlandés James Joyce (Dublín 1882 - 1941), Ulises , que marcou o paso da
nóvela decimonónica á modernista, xa ten a súa edición íntegra no noso idioma.
Editorial Galaxia ven de sacar do prelo a primeira tradución completa desta
obra referencial da literatura contemporánea da man de catro tradutores: Eva
Almazán, María Alonso Seisdedos, Antón Vialle e o tamén escritor Xavier Queipo.
A edición, de 1008 páxinas, fai o número 24 da colección de Clásicos Universais
desta editorial e sae á venda cun prezo de 40 euros. A novela de James Joyce
publicada orixinalmente en París en 1922 pola libraría Shakespeare &
Company é unha obra fundamental para entender a literatura moderna,
especialmente da narrativa, cunha importante influencia en todos os autores
posteriores. De feito en Galicia os autores reunidos na Xeración NÓS acollérona
con entusiasmo facendo dela obxecto de artigos e comentarios na súa revista e
mesmo Ramón Otero Pedrayo fixo unha tradución dun fragmento ao galego. A trama
de Ulises desenvolvese no acontecido ao protagonista, Leopold Bloom, nun
percorrido por Dublín nun día concreto, o 16 de xuño, que hoxendía serve de
celebración na novela nesa cidade que bautizou a data como "Bloomsday".
Ningún comentario:
Publicar un comentario