Serie Científica da Biblioteca de Divulgación da USC
A proposta editorial da USC estrea unha Serie Científica da Biblioteca de Divulgación co libro
Antimateria, magia y poesía, do que son autores o profesor de Física Teórica da USC José
Edelstein e o doutor en Física Andrés Gomberoff.
A filosofía dos especialistas da USC coa que nace a Serie Científica da Biblioteca de
Divulgación é achegar de xeito ameno e accesible os temas candentes da ciencia actual. É unha iniciativa que busca poñer a masa crítica da USC ao servizo da
sociedade e o gran público a través da súa capacidade divulgadora sobre cuestións científicas,
abordándoas cunha linguaxe clara, directa e accesible.
Esta aposta editorial abre unha porta no mundo universitario orientada especificamente a
transmitir o activo da investigación científica xerada nas áreas naturais, técnicas, experimentais,
da saúde ou as enxeñarías nunha linguaxe clara, directa e accesible ao público xeral, “estimulando
á dinamización e á divulgación da ciencia contemporánea en temas que, tratados doutro xeito, só
poderían chegar a públicos especializados”, explicaron os seus promotores.
O primeiro volume que estrea esta Serie Científica é, en palabras do prologuista, o profesor
da Universidade de Barcelona Jorge Wagensberg, “unha viaxe polos cumios e as profundidades da
física actual”. Unha das dificultades asociadas ao percorrido literario proposto polos autores
radica na propia natureza do obxecto de estudo xa que a física moderna “se interesa por unha
realidade cada vez máis invisible: invisible por pequena (moléculas, átomos, partículas,...),
invisible por rápida (valocidade da orde da da luz), invisible por profusa e complexa”. Segundo
Wagensberg, ao longo do texto, as ideas da física moderna rozarán a filosofía, a estética ou o
método científico.