31.5.23

Mes das Letras Galegas 2023


O MES DAS LETRAS GALEGAS CHEGA Ó SEU FIN


Maio rematou e botamos a vista atrás para lembrar as actividades que desenvolvemos para festexar as nosas Letras:


Dende comezos do mes instalamos na planta 
baixa do Centro unha exposición sobre Francisco Fernández del Riego, o autor homenaxeado neste Día das Letras Galegas 2023. A exposición, que podes ver aquí, permanecerá ata final do curso e componse dunha serie de carteis informativos e de ilustracións do autor feitas por alumnado de distintos cursos. 
Ademais, como vén sendo habitual, xunto co EDLG deseñamos e repartimos entre a comunidade educativa uns marcapáxinas conmemorativos, coas tres ilustracións que resultaron premiadas.




Na véspera do Día das Letras Galegas desenvolvemos a nosa 
Foliada das Letrasun concurso-festival no que o alumnado participante nos fixo desfrutar de música e baile tradicional e moderno, recitado de textos e mesmo da danza de arcos.






O mércores 24 recibimos no Centro a visita da escritora Eva Mejuto, que mantivo un encontro co alumnado de 3º da ESO A.
Conversaron sobre a novela A ladroa da Biblioteca de Meirás, que a rapazada leu nas clases de Galego, e sobre como é o traballo de escritora.

E pechamos o mes co espectáculo de maxia "A igualdade non ten truco", de Magia en la Manga, que tivo lugar no Auditorio Municipal a tarde do luns 29 de maio. Todo o alumnado do Centro asistiu a esta actividade, onde os magos Sara Rodríguez e Carlos Tomico realizaron un percorrido por conceptos básicos do feminismo mentres nos fixeron gozar con números de ilusionismo.



Así transcorreu este Mes das Letras no IES Cabo Ortegal, unha boa oportunidade para celebrar a nosa lingua e literatura. Pero o máis importante é recordar que podemos desfrutar delas todo o ano!
 


Ningún comentario:

Publicar un comentario

Voluntariado activo

O noso equipo de alumnado voluntario, xunto con outras persoas que puntualmente se uniron, levan todo o curso axudándonos a realizar as tare...