MES DAS LETRAS GALEGAS NO IES CABO ORTEGAL
Comezamos xuño botando unha ollada atrás para compartir convosco as actividades que realizamos en colaboración co EDLG para conmemorar o mes das nosas Letras:
Encontro de 1º BAC con Arantza Portabales. Como adianto da serie de actividades que se desenvolveron durante o mes de maio, o 26 de abril o alumnado de 1º BAC mantivo un encontro virtual con Arantza Portabales, autora da novela Beleza vermella, que a rapazada leu nas clases de Galego este trimestre.
Gravación dun programa de radio:
Un grupo de rapazas e rapaces de 4º ESO gravou, xunto coas súas profes de Francés e Galego, un podcast especial para o Día das Letras Galegas sobre a figura de Xela Arias, do que xa vos falamos nunha entrada anterior. Serviunos para seguir aprendendo no uso da radio e, sobre todo, para pasalo moi ben! O resultado presentámolo ó concurso "Radio na Biblio".
Elaboración de murais e cadros para expoñer no centro. Co obxectivo de conmemorar esta efeméride e difundir a figura de Xela Arias, o alumnado realizou unha serie de obras artísticas que expuxemos no centro. As alumnas de 4º ESO de Educación Plástica, Visual e Audiovisual fixeron unha magnífica adaptación á pintura dunha selección de versos da autora:
Por súa banda, o alumnado de 1º ESO realizou un mural durante as sesións de titoría e toda a rapazada da ESO colaboraou na creación dun mural no que "coloreamos" o noso faro transcribindo nel versos da autora (na fotografía móstrase aínda incompleto):
Ademais, no teito do vestíbulo, realizamos unha exposición sobre as figuras homenaxeadas do Día das Letras Galegas dende os seus inicios:
Elaboración de marcapáxinas sobre Xela Arias. Nas vésperas do Día das Letras Galegas repartímoslle a todo o alumnado e profesorado do centro uns marcapáxinas de Xela Arias con distintos poemas da autora, elaborados polo EDLG e o Equipo da Biblio.
Reto do Día das Letras Galegas. Tamén lle lanzamos á rapazada un reto consistente en adiviñar o título de dez obras da historia da literatura galega a partir de emoticonas.
Asistencia ó espectáculo Popsía:
O alumnado de 3º e 4º da ESO asistiu o 25 de maio á presentación do traballo Popsía volume I, de Carlos e Fran Amil. Na actividade, organizada en colaboración co Concello de Cariño, Carlos e Fran realizaron un percorrido pola nosa lírica, dende a Idade Media ata hoxe, combinando Literatura e Música dun xeito maxistral. Na nosa conta de instagram podedes ver algúns vídeos desta charla-actuación.
Entrega de premios. Pechamos as actividades do Mes das Letras Galegas coa entrega de premios do I Certame de microrrelato e fotografía intercentros Exeria e do Reto do Día das Letras Galegas.
Antía Pita (1º BAC B), gañadora do 1º premio
da categoría III do certame Exeria
Natalia Colorado (1º BAC A), gañadora do 2º premio
da categoría III do certame Exeria
Ningún comentario:
Publicar un comentario