VOLVE FORZAOITO, A EMISORA ESCOLAR DO IES CABO ORTEGAL
Hai uns meses, as profesoras que integramos o Equipo da Biblioteca comezamos a formarnos sobre radio da man do locutor Isidoro Valerio, co obxectivo de retomar pouco a pouco a emisión de ForzaOito, a radio escolar do IES Cabo Ortegal, que levaba un par de cursos parada. Comezamos a partir de aí a realizar unha serie de obradoiros de experimentación nos que formamos a pequenos grupos de alumnado e gravamos algúns podcast.
No mes de marzo, con motivo do Día da Muller 💜, un pequeno grupo de 2º ESO comezou a experimentar na radio xunto con Marián e Ana. Desa experiencia obtivemos o primeiro podcast (en versión mini) do curso, que marcaba o inicio da nova etapa da radio e que se pode escoitar aquí.
Nas últimas semanas gravamos máis cousiñas. Algunha gravación serviunos para practicar e non a publicaremos; doutras experiencias obtivemos podcasts que podedes escoitar na nosa canle de Ivoox: unha entrevista ó locutor Isidoro Valerio por parte do alumnado de Oratoria de 2º ESO (pica aquí) e un especial do Día das Letras Galegas da man do alumnado de Francés e Galego de 4º ESO, que presentamos ó concurso "Radio na Biblio" (pica aquí).
Gustaríanos que este novo comezo de ForzaOito tivese continuidade e chegar a gravar podcasts de maneira periódica. Mentres tanto, se queredes ir escoitando os podcasts deste curso e os de cursos pasados tan só tedes que buscar a nosa emisora #ForzaOito na app gratuíta Ivoox.
Ningún comentario:
Publicar un comentario