21.11.13



UN EXEMPLO: Malala Yousafzai

«Algúns nenos non queren consolas, queren un libro e un bolígrafo para ir ao colexio», dixo ao recoller o seu premio Sájarov con tan só 16 anos Malala Yousafzai, a moza que foi tiroteada polos talibán por loitar polos dereitos das nenas á educación.
Ante a atenta mirada do seu pai, o mestre Ziauddin Yousafzai, quen a animou con 12 anos a escribir un blogue con pseudónimo para a BBC denunciando os problemas das nenas en Paquistán, Malala aproveitou para reclamar a atención da Unión Europea para os millóns de menores no mundo que non teñen acceso á educación.
Malala dedicou o seu premio á Liberdade de Conciencia «aos heroes sen nome de Paquistán e a todos os que loitan polos dereitos e as liberdades».
Ataviada cun sari cor salmón, a nena mostrouse segura no seu discurso e incluso empezou a súa alocución chanceando sobre a súa estatura e a do estrado desde o que lle tocou dirixirse ao hemiciclo.
Nun discurso de ao redor de 5 minutos que iniciou cun saúdo relixioso, Malala lamentou que no seu país as nenas «sufran a miúdo acoso sexual e non as deixen ir máis aló do perímetro da súa casa». «Hai que cambiar de mentalidade. Un país non é máis forte polo número de soldados que ten, senón polo seu índice de alfabetismo», sinalou.
A moza, que despois de recibir tratamento médico en Londres segue alí a súa educación, quixo recordar unha cita do filósofo Voltaire na súa alocución. «Non estou de acordo co que dicides, pero defenderei ata a morte o voso dereito de dicilo», recordou.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nova Hora de Ler (2º trimestre)

⚠️📣 Volve a #Horadeler ao IES Cabo Ortegal! Podedes consultar nas portas das vosas aulas o calendario completo para #segundotrimestre 🗓️...