ASÍ FOI O NOSO NOVEMBRO CIENTÍFICO...
Neste inicio de decembro, botamos a vista atrás e recordamos as actividades que desenvolvemos durante o Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas en colaboración co Club de Ciencias, o EDLG e os equipos do Erasmus+ e do Proxecto Ríos.
Comezabamos cunha exposición micolóxica sobre as especies de fungos máis habituais da nosa contorna organizada por Alfonso coas mostras recollidas polo Club de Ciencias.
A exposición estivo instalada na Biblioteca durante varios días, nos que Alfonso introduciu ó alumnado no mundo da micoloxía.
Entreo 15 e o 25 de novembro tivo lugar unha nova edición do concurso "En busca do enigma perdido", unha das actividades que máis expectación esperta entre o alumnado. Cada día propuxémoslles na porta da Biblio un enigma científico ou lingüístico que tiñan que descifrar para poder ir gañando puntos e avanzando na clasificación. Como novidade deste ano, varias das actividades estaban relacionas co proxecto do Xeoparque Cabo Ortegal promovido polos nosos "Embaixadores" do Erasmus+.
O venres 25 de novembro a rapazada de 1º BAC asistía a un webinario impartido polo xeólogo Fran Canosa.
E, como non podía ser doutra maneira, neste mes tamén houbo lugar para a lectura. O Equipo da Biblio instalamos un Recuncho de Ciencias na entrada do instituto, no que expuxemos unha selección de obras de temática científica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario