REMATA O MES DAS LETRAS GALEGAS
Maio vai chegando ó seu fin e no seu derradeiro día botamos a vista atrás e lembramos tódalas actividades que desenvolvemos para festexar as nosas
Letras:
Concerto didáctico con García MC: "A lingua galega na música rap". Para ir abrindo boca, rematabamos abril cunha charla-concerto a cargo de García MC e DJ Mil sobre a historia do rap en galego, dirixida ó alumnado de 3º e 4º da ESO e de 1º de Bacharelato. A actividade celebrouse no Auditorio Municipal en colaboración co Concello de Cariño.
Espectáculo "Epístola de Aldaolado ás neofalantes". O mércores 11 de maio asistimos de novo ó Auditorio coa rapazada de 3º e 4º da ESO e de Bacharelato, desta vez para gozar co espectáculo de María Lado e Lucía Aldao. Poesía e música en vivo acompañadas de grandes doses de humor e dunha mensaxe clara: precisamos das neofalantes para o futuro da lingua! Tralo espectáculo, tivemos a oportunidade de conversar un pouco coas autoras e asináronnos o libro Ninguén morreu de ler poesía, que lemos este ano no Club de lectura de 4º da ESO.
Foliada das Letras. Na véspera do Día das Letras Galegas argallamos unha foliada na que desfrutamos de música e baile tradicional da man do alumnado e do profesorado, dun recitado de poemas a cargo de Marcos (1º ESO) e mesmo dun rap en galego composto pola rapazada de 4º.
"E ti de quen vés sendo?: coñecendo a Florencio Delgado Gurriarán". E durante todo o mes, divulgamos a figura do autor homenaxeado neste Día das Letras Galegas 2022. Instalamos na planta baixa do centro unha exposición sobre Florencio Delgado e deseñamos e repartimos entre todo o alumnado e
profesorado uns marcapáxinas con distintos
poemas del. Dende aquí dámoslle as grazas a Andrea Castro (1º ESO), que nos agasallou cunha bonita ilustración do autor.
Así transcorreu este Mes das Letras no IES Cabo Ortegal, unha boa oportunidade para celebrar a nosa lingua e literatura. Pero o máis importante é recordar que podemos desfrutar delas todo o ano!
Se queres ver, ademais, algúns vídeos destas actividades, bótalle un ollo á nosa conta de instagram.
Ningún comentario:
Publicar un comentario