BENVIDOS Á BIBLIO, 1º ESO!
Nestas
últimas semanas desenvolvemos as sesións de formación dos novos
usuarios da Biblioteca de 1º da ESO, que tiveron lugar o luns 18 (1º B) e
o mércores 27 (1º A).
Comezamos presentándolles as instalacións da Biblioteca, facéndolles entrega dos seus números de lector e conversando con eles sobre os seus gustos literarios. Semella que este ano temos moi bos lectores en 1º da ESO!!
Explicámoslles as principais normas de uso da Biblioteca e para iso vimos xuntos o vídeo que compartimos hai uns días, no que os voluntarios dos cursos máis altos nos explican todo dunha forma ben clariña.
Tamén conversamos sobre as actividades que desenvolvemos na Biblio (Hora de ler, Clubs de lectura, concursos...) e démoslles a coñecer as nosas redes sociais. Varias alumnas e alumnos ofrecéronse a colaborar connosco como voluntarios e non podemos estar máis contentos! Ademais son voluntarios con moita experiencia porque algúns xa colaboraban na Biblio do colexio os cursos anteriores!
Finalmente, aprendemos como están organizados os fondos da Biblioteca e como se ordenan dentro de cada sección. Fixemos un xogo por equipos no que debían localizar unha serie de libros propostos no menor tempo posible. Fixérono a fume de carozo!
Logo de coñecer a vosa nova Biblio, esperamos que veñades moito por ela, rapaces!
Ningún comentario:
Publicar un comentario