4.6.14

Do ferrolenglish,
Brus, chepos e filispín
Unha pequena sinal de identidade da comarca ferrolá é a fala* na que destaca, por enriba de todo, un vocabulario moi característico, e que, ademais, forma parte do noso patrimonio persoal, familiar e veciñal; ó usarmos este vocabulario identificaranos coa comarca á que pertencemos,  e polo tanto, sérvenos como unha forma de identificación,  aínda que, moitas veces este vocabulario non se comprenda fóra da bisbarra.
De entre todas as expresións ou vocabulario característico desta zona hai unhas cantas palabras que son de orixe inglés e que aniñaron aquí, debido á presenza de enxeñeiros ingleses que estaban a traballar nos estaleiros  a comezos do século vinte;  o propio Torrente Ballester  conta no seu libro Dafne y ensueño que lle chamaba “chonis” (do inglés Johnny) ós nenos ingleses  cos que xogaba na praza de Amboaxe cando era neno.
No meu patrimonio lingüístico persoal, son tres desas palabras de orixe inglés as que están gravadas na miña memoria; no ámbito familiar sitúo as palabras “brus” e “ chepos”, ás que recordo oír por primeira vez nos beizos dos meus pais sendo eu moi nena, mentres que a palabra  “filispín”  escoiteina a unha compañeira de instituto, que era de Mugardos e que sempre que saía do instituto para coller a lancha para a vila dicía “voume a todo filispín”.  A palabra “brus” ven do inglés brush  que é un cepillo de púas moi duras para fregar patios; “chepo” deriva da palabra inglesa shepherd, que significa pastor, e era deste xeito como os mesmos ingleses dos estaleiros chamaban ós vixiantes no traballo, e, co tempo, pasouse a chamar así ós policías municipais en Ferrol;   e finalmente “filispín”, do inglés full speed, que significa a toda présa, e seguramente, era unha expresión que os obreiros ferroláns verían escrita nas numerosas máquinas de orixe inglés que había nos obradoiros .
Estas tres palabras son un bo exemplo de aquilo que hai que sempre  ter presente cando se está a piques de estudar unha lingua, e que son dos puntos que, xeralmente, esquecemos;  en primeiro lugar, temos que lembrar que a lingua é algo vivo, que pode emigrar e pode adaptarse para sobrevivir, e, en segundo lugar  o estudo do contexto e a cultura da lingua que estamos a aprender debe ser  paralela ao estudo da súa parte lingüística.

* El ferrolano. Un estudio del habla local, de Guillermo Ferrández  editado en Ferrol por editorial embora en el 2002.

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Voluntariado activo

O noso equipo de alumnado voluntario, xunto con outras persoas que puntualmente se uniron, levan todo o curso axudándonos a realizar as tare...