Libros, documentais, cómics e rutas lembrarán a Díaz Castro
O Día das Letras Galegas coincide co centenario do nacemento do poeta
O 2014 está a ser e será un ano
de ampla actividade en Guitiriz coa poesía de Xosé María Díaz Castro
como eixe común. A coincidencia do Día das Letras Galegas co centenario
do seu nacemento, do que se cumprirá a data exacta o vindeiro 19 de
febreiro, ten servido de estímulo para que centros de ensino,
asociacións e o Concello traballen arreo para que o autor de Nimbos sexa
lembrado no seu concello natal con intensidade e agarimo.
O instituto da vila, que leva o
nome do poeta, xa ten contribuído a espallar o nome de Xosé María Díaz
Castro coa edición do documental A lus do mundo. Está dirixido por
Cristina de la Torre, pero conta ademais cunha clara pegada do centro:
por exemplo, a profesora Sandra Tenreiro puxo a música e o alumno David
Gómez adaptou algún poema.
O documental xa se presentou na
Coruña e en Lugo, pero a directora do instituto, Olga Aguiar, explica
que tamén se tenta que xente de fóra se achegue a Guitiriz atraída por
Díaz Castro. Para acadar ese obxectivo, engade, prevese deseñar unha
ruta baseada en lugares vencellados coa vida e coa obra do poeta, nado
na parroquia dos Vilares e enterrado no cemiterio da capital do
concello.
A intención está clara: «Que os
alumnos se sintan protagonistas», resume Aguiar, quen ademais subliña
que os rapaces poden decatarse de que Díaz Castro «fala o galego que
falan eles». O centro ten deseñado axendas co gallo deste ano tan
especial, e xa se repartiron en colexios do concello e de Aranga (A
Coruña).
http://www.lavozdegalicia.es/noticia/ocioycultura/2014/01/13/libros-documentais-comics-rutas-lembraran-diaz-castro/0003_201401G13P27991.htm
Ningún comentario:
Publicar un comentario